Marcos non é o alumno que saca as mellores notas, pero é o máis popular do seu instituto, o líder entre os seus compañeiros e o obxecto de desexo das súas compañeiras. Un domingo calquera, sen motivo aparente, asasina ao seu pai e deixa ferido de gravidade a un dos seus irmáns. Que levou a este adolescente a cometer un acto tan violento? Que se agocha tras ese estoupido de ira? Un pai demasiado severo? Docentes sen motivación? Fracaso escolar? Unha sociedade demasiado esixente? A electrizante investigación deste caso leva a un periodista a descubrirnos un mundo adolescente descarnado e sen tópicos. Unha historia coral, con múltiples voces e testemuños, que non por acontecer nun lugar tan coñecido para todo o mundo, un centro escolar, deixa de sorprendernos e abraiarnos.