Este libro podería ser visto como unha tentativa de psicanalizar a cultura galega a través dun dos seus buques insignia: a tradición literaria. Mais non se trata de curar nada, na medida en que, en puridade, non hai posibilidade de transferencia a un suxeito que é unha entelequia, de tan plural e polimorfo, mais si de percibirmos síntomas, de irmos recollendo un por un aqueles aspectos que semellan ter unha certa relevancia, dándolles nome, sinalándoos, por medio dun conxunto de disciplinas que exceden con moito a psicanálise masi que se sitúan á súa beira e en contacto moi estreito dentro do ámbito xeral da humanística. Lugares aos que chegamos por medio da filoloxía, da teoría literaria, da socioloxía, da lingüistica, da hermenéutica, da filosofía, aprendices de todo e mestres de nada, nun exercicio que é, sobre todo, unha perspectiva sincrónica enganosa que non debe esquecer a propia diacronía. E que esta forclusión, cando se dá en tanto que olvido traumático, cabe entendela xa como un sinal significativo, un enunciado que demanda ser escoitado.