O Camiño comeza no norte de Europa. Chámaselle Inglés desde hai apenas catro decenios, pero a realidade foi e é que os ingleses non foron, nin moito menos, os únicos peregrinos que ao longo dos séculos cruzaron o mar para realizar o itinerario en terras galegas desde A Coruña e desde Ferrol, precisamente as sedes dos nosos campus. Por esta ruta chegaron tamén escoceses, galeses, irlandeses, alemáns, suecos, noruegueses e holandeses, entre outros. Relátao e documéntao neste libro uno dos más prestixiosos investigadores do fenómeno xacobeo, o xornalista e escritor Cristóbal Ramírez, que volve realizar neste texto un dos exercicios de rigor e amenidade habituais tanto nas súas reportaxes en La Voz de Galicia, como nos seus libros, nas súas conferencias ou nas súas clases. Ademais de exercer como cronista do Camiño Inglés, o autor participa activamente no estudo e a promoción deste itinerario no Reino Unido, onde xa hai tramos identificados e sinalizados. O seu amplo coñecemento sobre a cuestión, en que investiga desde hai décadas, proxéctase tanto sobre o percorrido histórico da primeira parte do libro como sobre a segunda, unha minuciosa descrición dos traxectos que desde A Coruña e Ferrol converxen nas Travesas (Carral) camiño de Compostela. Con este traballo, que se presenta co título O Camiño Inglés. Unha ruta xacobea medieval no século xxI, o Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña abre, en colaboración coa Asociación de Municipios do Camiño Inglés, unha liña editorial sobre os distintos itinerarios da tradición xacobea, coincidente no tempo coa posta en marcha da Facultade de Turismo como novo centro propio no noso campus.