A serie «Quen son? Crías de animais» presenta varias especies de mamíferos e de aves agrupadas por continentes para inspirar a curiosidade pola fauna e polo coidado da natureza dende as primeiras idades. Cada título inclúe sete crías: con textos sinxelos e descritivos, acompañados dunha suxestiva ilustración, cada unha preséntase cunha adiviña e establece un diálogo directo e activo coas lectoras e cos lectores, o enigma resólvese ao pasar a páxina, onde aparece coa súa familia no seu hábitat natural, ampliando a información sobre a contorna, os costumes e as características físicas dos adultos. Son textos cientificamente rigorosos que plasman a realidade da natureza de forma doada e comprensible, ademais de amosar a biodiversidade e as distintas formas de crianza. Realizadas con grafito e suavemente coloreadas, as imaxes son realistas e de gran detallismo, fieis aos canons da ilustración científica, e destacan pola expresividade e pola tenrura dos protagonistas.