Imaxinas ser un deses actores ou actrices que hoxe triunfan nunha serie de éxito e mañá se ven obrigados a anunciar eses iogures que regulan á perfección o tránsito intestinal? Pois iso é o que temen Jaime e os seus, a Asociación de Boas e Bos Actrices e Actores (a ABBAA), polo que decidiron secuestrar a Lidia Baulló, nada menos que a showrunner máis importante do momento, para que escriba e deseñe para eles o atraco perfecto. Que podería fallar? En realidade, todo, aínda que ben peor sería non tentalo sequera. Fernando Llor e Esteban Hernández tentaron secuestrar a Carlos Portela e a Miguelanxo Prado para facer este cómic, pero a cousa saíu regular e acabaron facéndoo eles mentres cumprían un par de anos de condena en Soto del Real. Así, ademais de matar o tempo con algo produtivo, conseguiron unha chea de bos contactos, e iso sempre está moi ben.